UNHA VIAXE A TRAVÉS DAS LETRAS-Textos escollidos
ALUMNADO CON NEAE DE 1º E 2º DA ESO DO IES CASTRO ALOBRE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Boas tardes! E moi boa fin de semana!
Imos centrarnos nun xornalista que dirixiu as publicacións Nova Galiza, Hora de España, entre outras; que exerceu como lector de español en Cambridge e foi profesor en Monterrey (México), a quen se dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1995.
É Rafael Dieste González (1899-1981), dramaturgo, ensaísta e poeta, considerado un dos mellores narradores da xeración que seguiu a Castelao e Otero Pedrayo. En 1970 ingresou na Real Academia Galega.
Carballo Calero, na súa Historia da Literatura Galega Contempóranea, di: "...a obra galega de Dieste é narrativa e teatral...".
Imos ler un fragmento dun relato, O grandor do mundo, que aparece no apéndice da comedia A fiestra valdeira (1927).
O GRANDOR DO MUNDO
Tanto ouvira falar de Bôs-Aires, das
ruas longas e direitas que non se dan ademiradas nin andadas, da prata
relocinte e xenerosa con que alá premian o traballo, dos boletíns de
moitas llanas e da xente sabida que os lé, dos longos trens que bruan
pol-a pampa infinda e de mil cousas ledas, lanzales e rumosas, tanto
ouvira falar, antrementres co-a navalla barbeira –a mais levián da vila-
percorría as fazulas dos seus parroquianos de sempre, e tanto no seu
maxín escarabellou o falado, que un día topouse de súpito co-a circia
vôntá d’ir a Bôs-Aires. Dez anos alá, e voltaría rico de pecunia e
lembranzas.
Unha mañanciña saeu da vila cun baul pequerrecho.
Cando chegou ao porto –endexamais
vira unha cidade- sinteuse atordoado e pequecho n’aquel reducio de
escintilos e romores novos, e a rentes andivo de voltar. E hai quen di
que dixo moi ademirado, moi anguriado e moi pol-o baixo: -¡Qué grande é o
mundo!
Dez anos alá e voltou rico de pecunia e lembranzas.
Chegou en tempo de invernía, cando
andan os gatos a se pasearen pol-a casa moi desacougados, e as galiñas
fan ringolas na sombra do alpendre, e as badaladas que chaman â novena
fan o serán esguío, espiritado.
E cando estivo na casa e pasou o
ledo barullo do recibimento, púxose a asubiar algo que escomenzou en
tango e rematou en vella cantiga, mentras os vidros da fiestra
choromicaban diante dos seus ollos, estragoando a rua homilde.
Algo moi vello e moi novo foi
sortindo solermiñamente de non sabía que esquencidas veas do seu intro. E
sinteuse asolagado ate a gorxa de dôce e rara anguria de morto
reviviscido. E cando pasaron uns picariños correndo e salmodiando
aquelo, (“Chove – chove - na casa do probe, - na miña non chove”)
marmulou co-a voce esnaquizada:
- ¡Qué grande é o mundo!
Para saber máis cousas de Rafael Dieste clicade aquí
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/rafael-dieste-letras-galegas-1995
Comentarios
Publicar un comentario