UNHA VIAXE A TRAVÉS DAS LETRAS-Textos escollidos
ALUMNADO CON NEAE DE 1º E 2º DA ESO DO IES CASTRO ALOBRE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Boas tardes!
Imos fixarnos nun pintor, debuxante, escritor e político que naceu na vila mariñeira de Rianxo e morreu en Bos Aires, a quen se homenaxeu no Día das Letras Galegas no ano 1964.
É Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (1886-1950), un dos pais do nacionalismo galego. Castelao, como artista, escritor ou político é -sen dúbida- o galego máis destacado do século XX. En 2011, a Xunta de Galicia declarou a súa obra como ben de interese cultural inmaterial.
En palabras de Ricardo Carballo Calero na súa Historia da Literatura Contemporánea: "A obra literaria de Castelao é, fundamentalmente, obra de narrador... hai momentos en que Castelao se abandona ao pracer de narrar, mais a súa narrativa é preferentemente de persoaxes e non de acontecementos". Imos ler un fragmento da súa obra Retrincos de 1934:
Sabela
Cando eu andaba no estudio era un mozo das romerías, bailador e divertido. Non había festa na vila, nin nos arredores, onde non aparecese danzando como un trompo esgarabelleiro. ¡Ai, aqueles valses, aquelas mazurcas, aquelas polcas e aquelas habaneras!
Entón o agarradiño aínda era un pecado venial, e bailabamos con tino, para que os vellos non refungasen.
As mozas acorazaban o corpo con xustillos e non consentían o arrimo; pero arrecendían a roupa gardada con mazás e a carne lavada con xabrón de rosas. Os mozos bailabamos por darlles gusto ás pernas, e contentabamonos co cheiro...
Había na vila unha rapaza do meu tempo, xeitosa de corpo, feitiña de cara, leda de xenio, traballadora de condición, pescantina de oficio e limpa de conducta, pero picante nos dicires.
As súas verbas tiñan o labio salgado dos mariscos. Os dicires escentilaban contentamente, e nos seus arredores non podía medra-la tristura. A risa facíalle goios de amor nas fazulas, poñíalle pintiñas de malicia nos ollos e brillo de nacre nos dentes. Os andares, arfados e velaíños, facían no aire ronseis de gracia. Andaba descalza, e os engados da súa carne non tiñan segredo para os ollos de ninguén. Os pés lenes, as pernas brancas, os brazos redondiños. O corpo era un gran corazón prisado. Cantaba como un xílgaro e bailaba como un argadelo.
Era a rapaza máis fermosa da vila, e dábase conta do seu poderío...
Agora imos escoitar unha vella cantiga que atopamos na obra teatral Os vellos non deben de namorarse de Castelao:
Comentarios
Publicar un comentario