UNHA VIAXE A TRAVÉS DAS LETRAS-Textos escollidos
ALUMNADO CON NEAE DE 1º E 2º DA ESO DO IES CASTRO ALOBRE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Boas tardes!
Hoxe imos tratar a figura dun escritor polifacético, mestre da narrativa fantástica, homenaxeado no Día das Letras Galegas no ano 1991.
É Álvaro Cunqueiro Mora (1911-1981), novelista, poeta, dramaturgo, periodista e gastrónomo. En palabras de Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega Contempóranea:" Con Álvaro Cunqueiro achámonos en presencia dun escritor profesional, tipo dabondo raro na moderna literatura galega".
O primeiro Cunqueiro foi fundamentalmente poeta, de xeito vangardista, e logo da guerra civil dedicouse sobre todo a narrativa e o xornalismo, deixando artigos en La Voz de Galicia, El Progreso e Faro de Vigo, entre outros.
Imos ler un fragmento da súa obra Xente de aquí e de acolá publicada no ano 1971
Cando Penedo foi de caza
Penedo de Oirán mercou unha escopeta de segunda man, e botouse ao monte, novato cazador aos cincoenta anos cumpridos. Tiña moi boa vista, que il coidaba que era o millor que había pra triunfar na venatoria.
Ensiñoulle algo un escolante salmantino que fora destinado a Oirán. Un día Penedo ergueuse cedo e foi aos montes do Pereiro a cazar á espera. Sentouse medio escondido nunha xesteira, escopeta disposta. Estivo sin moverse unha hora, agardando, sin que lle pasara nada por diante dos ollos. Aquelo non sería campo de Salamanca. Non fumou, non se moveu, non asubiou. En esto estaba , en seguir calado e quediño outra hora, cando veu unha pega a pousárselle no cañón da escopeta. Penedo nin se moveu. A pega paseaba polo cañón, limpaba o pico, despreguizábase abrindo as azas, abríu e pechou a longa cola sete veces seguidas, e sentouse ollando pra Penedo. Isto di o Penedo que se sentou. Penedo non lle podía disparar pra darlle, que a pega estaba sentada no cañón. O que faría era asustala, pro tamén alarmaría a caza que houbese por alí. A pega miraba pra Penedo, poñía os seus ollos nos do cazador. Penedo comeza a marearse, a mirada nas inquedas meniñas, xa douradas, xa mouras, xa roxas. Ao fin, a pega falou:
- Istes non che son tempos, Penediño!
Penedo non soupo que decir. A pega rañou outra vez o cañón co pico, saltou á boina vella de Penedo, e foise voando. Penedo suspendeu a caza, tirou uns tiros ao ar pra que o escoitase o escolante, e volveu...
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/lvaro-cunqueiro-letras-galegas-1991
Comentarios
Publicar un comentario