UNHA VIAXE A TRAVÉS DAS LETRAS-Textos escollidos
ALUMNADO CON NEAE DE 1º E 2º DA ESO DO IES CASTRO ALOBRE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Bos días! Como estades?... Xa falta pouco para rematar o curso.
Hoxe tócanos falar dun poeta e xornalista representante do período histórico-ĺiterario denominado Rexurdimento da literatura galega a quen se lle dedicou o día das Letras Galegas no ano 1967.
É Manuel Curros Enríquez (1851-1908), o príncipe dos poetas galegos. En palabras de Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea: ..."perante o público do seu tempo, Curros triunfou plenamente como poeta..."
En 1880 publica Aires da Miña Terra e o bispo de Ourense denunciou ó escritor por herexías e ataques a relixión e Curros foi procesado. O seu avogado conseguiu a súa absolución.
En 1894 decide emigrar a América. Na Habana, onde morre en 1908, dirixe o xornal La Tierra Gallega e despois escribe no Diario de la Marina.
Agora imos ler o poema que Curros lle adica a Mariquiña Puga, a filla do seu avogado, cando esta marcha a Cuba.
Despedida
Como ti vas pra lonxe
i eu vou pra vello,
un adiós,Mariquiña,
mandarche quero,
que a morte é o diaño
i anda rondando as tellas
do meu tellado.
Cando deixes as costas
da nosa terra
nin lus nin poesía
quedará nela.
Cando te vaias
vaise contigo o ánxel
da miña garda.
Pombiña mensaxeira
de branca pruma,
fálalle ós emigrados
da patria súa.
Dilles, mimosa,
que deles apartada
Galicia chora.
Dilles que prós seus lares
tornen axiña;
que sin eles non queren
pintar as viñas,
regar os regos,
madurar as castañas
nos castiñeiros.
Dilles que non hai terra
millor que a nosa,
máis ridentes paisaxes,
máis frescas sombras,
máis puros ceos,
nin lúa máis lucente
no firmamento.
Dilles que súas obrigas
eiquí os esperan,
¡e se onde elas non morren
que se condena!...
I agora voa,
pombiña, e que te guíe
Nosa-Señora.
Agora ides a escoitar O Maio, un dos poemas máis coñecidos de Curros, no que o poeta invoca unha primavera de liberdade e xusticia:
https://www.youtube.com/watch?v=m-Zv4dqcKqQ
Comentarios
Publicar un comentario