UNHA VIAXE A TRAVÉS DAS LETRAS-Textos escollidos
ALUMNADO CON NEAE DE 1º E 2º DE ESO DO IES CASTRO ALOBRE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Boas tardes! E moi boa fin de semana!
Hoxe falaremos do libro de poemas de Rosalía de Castro, Follas Novas, que viu a luz primeira no ano 1880, un lustro antes de que Rosalía moribunda pedira que lle abrisen a xanela para poder ollar o mar, que foi a súa derradeira mirada lírica.
En palabras da propia autora, nunha introdución, da obra dinos que os versos dos poemas de Follas Novas foron "escritos no deserto de Castilla, pensados e sentidos nas soidades da Natureza e do meu corazón, fillos cativos das horas de enfermedade e de ausencias..."
Imos ler un destes poemas no Libro Quinto AS VIUDAS DOS VIVOS I AS VIUDAS DOS MORTOS
¡PRA A HABANA!
I
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono soio
ca roupa vestida .
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"
...............................
V
Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van:
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes, en cambio, orfos i orfas
e campos de soledad;
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tes corazós que sufren
longas ausencias mortás.
Viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.
Agora imos escoitar Negra sombra, outro poema deste libro, na voz da Luz Casal:
Comentarios
Publicar un comentario