UNHA VIAXE A TRAVÉS DAS LETRAS-Textos escollidos
ALUMNADO CON NEAE DE 1º E 2º DA ESO DO IES CASTRO ALOBRE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Boas tardes!
Hoxe falamos dun intelectual, xeógrafo, investigador e político galeguista, que recibiu o título de O Patriarca polo que chegou a significar na vida e na cultura de Galicia, homenaxeado no Día das Letras Galegas no ano 1988.
É Ramón Antonio Vicente Otero Pedrayo (1888-1976), que naceu en Ourense na rúa da Paz , na mesma casa que Vicente Risco, e que foi Catedrático de Xeografía e Historia na súa cidade e máis tarde, pouco antes da súa xubilación, en Santiago de Compostela. Cultivou a poesía, os relatos, a novela, os ensaios, os libros de viaxes...Como di Carballo Calero na súa Historia da Literatura Contemporánea: "A personalidade literaria de Ramón Otero Pedrayo é moi complexa, cultivou a literatura didáctica e a literatura poética. Dentro desta a ficción, o drama e a lírica".
Imos ler un fragmento do conto que leva por título As sete portas da sociedade, que se publicou despois do seu pasamento.
Aínda levaba nos beizos o gosto das esfarnas e unha espiga de millo tabú no burso. O tabardo esgazado por cans, o cabelo estrumento, facíanlle na rúa brillante unha cauda de recendo. De cometa vingativo e triste. Pro non riseiro. Había unha forza inocente no home e nos seus ollos, como se non tivera ocasión de empregala.
Ao pasar era un cantazo nos vidros das bisuterías, unha queixa nas cobertas de doorosos froitos dos libros, un medo nas xoierías. Soio diante dos mendiños decátanse as xemas espidas. No grande almacén de ferros, onde ás veces soan as barras como na canteira ou na obra, os ollos do mendiño pousaron con vello amor e amizade. Entrou. Tivo nas mans, sopesándoa, como facendo un rodo, unha picaraña. Era vello e de raíz no agro o dependente. Sorriron como homes.
-"Nun tempo"-falou o mendiño- era súa voz tenra e lonxana no ermo...
Se queredes saber máis cousas de Otero Pedrayo, clicade aquí:
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/ramon-otero-pedrayo-letras-galegas-1988
Comentarios
Publicar un comentario